A véspera da viaxe procure descansar e durmir o suficiente.
Mentres conduza non se poña metas, tempos nin distancias.
Descanse cada200 Kmou cada dúas horas, manteña ben ventilado o interior do vehículo e converse cos pasaxeiros para evitar a somnolencia.
Nos descansos estacione fóra da estrada, estire as pernas e respire aire puro.
Evite durante a viaxe as comidas copiosas.
Leve roupa cómoda e calzado adecuado para a condución.
Leve á man os obxectos persoais e os que poida necesitar durante a viaxe.
Conduza prestando a máxima atención. Está prohibido conducir utilizando cascos ou auriculares conectados a aparellos receptores ou reprodutores de son.
O alcohol, as drogas e certos medicamentos son incompatibles coa condución de vehículos. Recorde que todos os condutores de vehículos e bicicletas quedan obrigados a someterse ás probas de alcoholemia e de consumo de estupefacientes, psicotrópicos e outras substancias análogas.
Respecte os límites de velocidade xenéricos e específicos. Manteña unha velocidade adecuada ao estado da vía, á intensidade circulatoria e ás condicións meteorolóxicas.
Os condutores e ocupantes de motocicletas e ciclomotores deben utilizar adecuadamente cascos de protección tanto en vías urbanas como interurbanas.
Utilice sempre e de forma correcta os cintos de seguridade ou outros sistemas de retención homologados, tanto na circulación por vías urbanas como interurbanas.
En caso de accidente siga esta secuencia:
Protexerse
Avisar aos servizos de urxencia
Socorrer ás persoas accidentadas
Co vehículo
Recorde que os vehículos teñen que ter pasada a ITV, non obstante é conveniente facer unha revisión previa ao inicio da viaxe.
En caso de avaría utilice os triángulos para advertir do obstáculo que supón o vehículo e poña o chaleco reflectante para facerse ver por outros condutores.
A carga ten que colocarse segura e ben suxeita, de xeito que non poida molestar a condución incluso en caso de freadas de urxencia.
Unha vez dentro do vehículo todos os pasaxeiros deben colocar o cinto de seguridade e o condutor e o copiloto deben regular o apoiacabezas para protexer a cabeza en caso dunha violenta desaceleración. Este debe colocarse de tal forma que o centro quede á altura dos ollos de quen o utiliza. Por outro lado, os nenos deben ir ben suxeitos e se viaxan bebés deben situarse nas cadeiras infantís correspondentes (un neno que viaxe sen ningunha suxeición multiplica por cinco as posibilidades de sufrir lesións mortais).
Atención ás condicións meteorolóxicas: chuvias intensas, néboas…
Unha vez no destino non se relaxe respecto ás medidas de seguridade. Os desprazamentos curtos tamén producen accidentes graves.
Aparque o vehículo nun lugar onde sexa facilmente visible, evite os aparcamentos ou áreas de servizo solitarios.
Non deixe o coche aberto, cérreo e active a alarma se a ten. Non deixe obxectos ou prendas á vista.
Non permita que accedan ao seu vehículo persoas descoñecidas.
Comunique calquera anomalía ás forzas ou corpos de seguridade ou avisando ao teléfono 112.
Consellos para peóns
Camiñe sempre polas beirarrúas. Ande o máis lonxe que poida da calzada e non xunto ao bordo da beirarrúa para evitar caídas e posibles atropelos.
Teña coidado coas entradas de garaxes e talleres, os vehículos poden efectuar manobras imprevistas sen velo.
Cruce a rúa polo camiño máis curto, sempre en liña recta, nunca en diagonal. Cantos menos metros percorra, menor será o risco.
Teña coidado cos vehículos longos cando xiran (autobuses, camións etc.), as rodas traseiras cérranse respecto ás dianteiras e é fácil sufrir un atropelo.
Cruzar sempre por detrás dos autobuses, nunca por diante. Con iso conseguirá ver e ser visto polos vehículos que se achegan.
Se pasea con animais de compañía non os deixe nunca soltos (salvo nos lugares especialmente habilitados para este fin).
Nunca cruce fóra dos pasos para peóns e ao chegar a eles detéñase na beirarrúa, non na calzada.
Respecte os semáforos para peóns. Cando a luz de peón estea en cor verde, mire sempre e agarde uns segundos antes de cruzar. Se regula a circulación un axente de policía cruce cando este llo indique.
Pola noite procure cruzar a rúa por unha zona iluminada, así poderá ser visto con máis facilidade polos vehículos que circulan.